O poder da xesta

Nestas datas, cando eu era nena, a señora Amparo dábame unha ramiña do seu manoxo de xestas e dicíame: «Filliña, pona para que non che entre o meighallo». Dende entón, cada 30 de abril guindo unha ramiña de xesta na porta da casa para «que non me entre o maio».

Antes do solpor do último día de abril, é tradición nas Rías Baixas colocar un ramallo de xesta nas portas das casas e nos vehículos como medida profiláctica contra «o maio». Tamén se pon nas portas das cortes para que os animais non estean amaiados e as vacas non deixen de dar leite durante o ano. Antigamente, coas vasoiras feitas de xestas varríanse as casas por San Xoán para purificalas dos espíritos maléficos.

Xesta común (cytisus scoparius)

Tamén coñecían o simbolismo da xesta os pastequeiros, que eran curandeiros tradicionais que fusionaban elementos da liturxia católica coa medicina máxica. Cando vían que os seus pacientes non curaban o meigallo aconsellábanlles que durante tres semanas varreran as súas casas cunha vasoira de xesta ao revés e en xaxún. O lixo que xuntaran debían depositalo nun papel e dirixirse á beira dun río que nunca secara. Unha vez alí, lanzaríano cara atrás por encima da cabeza, recitando tres veces esta fórmula: «Así como esta broza foi votada, mal e envidia da casa sae cortada».

A xesta tamén protexe aos homes de mar. Na illa de Ons, cando un mariñeiro non conseguía pescar o suficiente despois dunha tempada, «xulga que ten a súa dorna enmeigada i-entón vae de noite á praia a bareala cunha xesta hastra que se cansa»1. Tamén era costume levar as xestas nas embarcacións co fin de protexelas contra o infortunio, as meigas ou a envexa do próximo.

1 DAS CASAS, A. (1934): A Illa de Ons, Revista Nós, 131-132.

2 comentarios sobre “O poder da xesta

Agrega el tuyo

  1. Comentaba o propio Álvaro das Casas que a comezos de século ninguén da illa pescaba, e algúns veciños foran a Vigo na procura dun bruxo que lle chamaban «o Mexilón» para que lles barease con xesta tódalas dornas. 😊

    Le gusta a 1 persona

Replica a Natividad Rey Cancelar la respuesta

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar