Os lumes de San Telmo

«San Telmo leva n-a mán, á vêla de alomear, ô marino pol-as noites, para poder navegar».

Copla popular galega

Na cultura grega, os fillos de Zeus, Cástor e Pólux (os Dioscuros), eran considerados os axudantes dos mariñeiros cando estes se vían atrapados nas tormentas e os rescataban en caso de naufraxio. En canto aos seus atributos, dise que foi o deus do mar Poseidón quen lles concedeu o poder de enviar ventos propicios para as singraduras das embarcacións. Tras ofrecerlles o sacrificio dun carneiro branco na proa do barco, eles chegarían rapidamente atravesando o ceo seguidos dunha bandada de gorrións1.

Aos Dioscuros tamén se lle atribuían as luces que, de cando en vez, aparecían nos mastros dos barcos durante as tormentas. Este antigo fenómeno foi cristianizado co nome de lume de San Telmo.

San Telmo e o seu lume.

Pedro González Telmo foi un frade que predicou por terras portuguesas e galegas. En Tui relacionouse coas comunidades de pescadores atribuíndoselle varios milagres, como atravesar o río Miño a pé e afastar coas súas mans unha tormenta que ía descargar contra os seus discípulos.

Telmo morreu en Tui cando ía emprender unha peregrinación a Santiago, e foi sepultado na catedral tudense onde é venerado como santo patrón da cidade e da diocese. Os homes de mar téñenlle especial devoción a este santo. Así o testemuñan os milagres recollidos polo bispo de Tui en 1258, apenas doce anos despois da súa morte, e rexistrados na obra de Gérard de Frachet, Vitae fratrum ordinis praedicatorum. Estes dous exemplos serían os primeiros milagres de Pedro González Telmo en favor dos mariñeiros.

Quidam naute maris periculo constituti invocaverunt fratem Petrum Gonsalvi; qui statim apparuit eis dicens: «Assum». Et confortans duxit eos ad portum.

Algúns mariñeiros en perigo invocaron ao irmán Pedro González, que apareceu ante eles dicindo: «Assum». E deulles fortaleza e confortounos levándoos a porto.

Uxor quedam in navi parvula, dum fluvium quendam transiret, timore concussa parvulum filium habens in humero cecidit, quinquies submersa in profundum. Sed invocato fratre Petro ab ipsa cum cecidit, et a marito, qui stabat in ripa, ab illo periculo evasit cum parvulo suo.

Certa dona cando atravesaba un río nun pequeno bote, aterrorizada e cun fillo no seu ombreiro, caeu e fundíronse na profundidade. Pero ao ser invocado o irmán Pedro cando ela mesma caía, o seu marido, que estaba na beira, puido escapar dese perigo co seu fillo.

Nos tempos da navegación a vela os mariñeiros levaban a imaxe do santo na proa do barco, e en situacións de perigo prendíanlle unha candea invocándoo para que os salvagardase. Cando o lume de santelmo facía relucir unha cor branca-azulada sobre os mastros, dicíase que entre os brillantes refachos aparecía a figura do santo2.

Probablemente, a primeira vez que se menciona e se atribúe este fenómeno luminoso ao santo de Tui, foi na narración da viaxe iniciada en 1403 por Rui González de Clavijo á corte do Gran Tamerlán. Navegaban polo Mediterráneo a bordo dunha carraca cando no medio dunha tormenta, preto de Sicilia, apareceron varios lumes como candeas nos mastros e no bauprés, que segundo relataron duraron o que dura unha misa.

Estes lumes que así viron dicían que era Frei Pedro Gonçález de Tui, que se encomendaron a el, e outro día amenceron con bo tempo seguro3.

Cristóbal Colón, na súa segunda viaxe a América, tamén veu o lume de San Telmo o 26 de outubro de 1493. Dito feito foi redactado polo seu fillo Hernando Colón.

O mesmo sábado á noite veuse o lume de San Telmo, con sete candeas acendidas enriba da gavia, con moita chuvia e espantosos tronos. Quero dicir que se vían luces que os mariñeiros afirmaban ser o corpo de San Telmo, e cantábanlle moitas ladaíñas e oracións, tendo por certo que nas tormentas onde se apareza nada pode perigar.

Mesmo o cronista das expedicións de Magalhães, Antonio Pigafetta (1480-1534), tamén describiu este fenómeno:

Durante as horas de borrasca, vimos a miúdo o Corpo Santo, é dicir, San Telmo. Nunha noite moi escura, aparecéusenos como un fermoso facho na punta do pau maior, onde se detivo durante dúas horas, o que nos servía de gran consolo no medio da tempestade. No momento que desapareceu, despediu unha tan grande claridade que quedamos cegos, por dicilo así. Criámonos perdidos, pero o vento cesou nese mesmo momento.

Como vemos, o lume de santelmo ou tamén chamado Corpo Santo é sinal de bo augurio en España e Portugal, mais en Bretaña a visión deste fogo era considerado como un aviso funesto que presaxiaba a morte dun familiar da tripulación4.

Pero para os antigos mariñeiros das nosas costas o San Telmo foi sempre o seu protector, non soamente en Tui, como o testemuña a cantiga que lle dedicaban os mariñeiros de Noia, recollida no segundo tomo da Acta Sanctorum de 1643.

«Señor San Petro Gonzales, de navegantes piloto; libra nos de terremoto, y defende nos de males».

1 GRAVES, R.: The Greek Myths.

2 N. S. F. Fiestas de San Telmo. La Voz de Galicia / sábado, 29 marzo 2008.

3 GALMÉS, L. (1991) El bienaventurado Fray Pedro Gonzalez O.P., San Telmo: estudio histórico-hagiográfico de su vida y su culto

4 ANSON, P.F (1965) Fisher folk-lore.

4 comentarios sobre “Os lumes de San Telmo

Agrega el tuyo

  1. A maioría das confrarías de mariñeiros de Galicia tiñan a advocación de San Telmo, este era o auténtico santo do mar. Durante o franquismo, nunha sociedade fascista e militarizada, empezóuselle a render tributo á Virxe do Carme, patroa da armada de guerra española, non de ningún pósito de mariñeiros, e agora todas esas procesións marítimas coa imaxe da santa parece que é unha cousa secular, cando foi unha imposición franquista. O santo é San Telmo, a Virxe do Carme é unha intrusa no noso mar.

    E por certo, San Telmo, como San Tiago son falsas segmentacións de Sant Elmo e Sant Iago. Elmo era o nome. É un nome xermánico, de feito o elmo é o casco protector que levaban os guerreiros cando puñan armadura. Non sei se o nome quererá dicir algo ou se simplemente lle cadrou a ese santo.

    Bicos, Nati.

    Quique Costas

    Le gusta a 1 persona

  2. O San Telmo «tudense» non é o mesmo que o Santo Elmo de Formia, mártir cristián venerado desde a Alta Idade Media como patrón dos mariñeiros e a quen se lle atribuíron eses fogos. Durante os séculos XIV e XV foise producindo un fenómeno curioso polo que se confundiron os cultos entre Pedro González, que era de Frómista, Palencia, por certo, da clase alta episcopal (sobriño de bispo, conselleiro do rei castelán Fernando III e moi amigo doutro alto mando da Igrexa, Lucas de Tui, quen o acolleu na súa vellez). Tanta foi a súa fama que no século XVIII foi canonizado como San Telmo, fronte ao antigo Santo Elmo. San Telmo (nas súas dúas vertentes) compartiu padroado de mariñeiros e pescadores con outros santos: Santa Caterina, San Nicolau, San Pedro e Santo André.

    Me gusta

    1. Grazas polo comentario. Efectivamente, o San Telmo referiu a San Erasmo de Formia (Sanct’ Elmo) e a Pedro González, que rexistra milagres e culto por parte dos mariñeiros xa no século XIII. Distínguese de San Erasmo polo hábito dominico, cos atributos do cirio e o barco nas mans. Con todo, nunca foi recoñecido oficialmene pola igrexa católica como patrón dos mariñeiros. Os fogos tamén foron atribuídos a Pedro González de Tui, como así o fixo González de Clavijo en 1403 e que reflexou na «Historia del Gran Tamorlan, e itinerario y e narracion del viage…». En canto a outros santos con devoción entre os mariñeiros, no século XV era costume facerlle votos tamén a «Sancta María de Guadalupe», a «Santiago de Galicia», a «Sancta María de Fisterra» e a «Sant Vicente del Cabo», entre outros.
      Saúdos.

      Le gusta a 1 persona

Replica a @cequelinhos Cancelar la respuesta

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar