Aguia de sangue: un método de axustizamento vikingo?

«Sombríos como as súas terras, acercábanse silentes e envoltos pola noite ou polas tebras aos países que pretendían devastar: sen piedade nin compaixón, fríos como os monstros mariños, arrasaban canto se presentaba o seu paso asasinando cruelmente aos moradores de vilas e cidades e levándoos prisioneiros en calidade de escravos ás súas afastadas terras de lendas e de misterio»1. Este é un «mito viquingo», a base da visión máis estendida sobre os guerreiros do norte na Idade Media. Persiste aínda a día de hoxe en moitos medios e nunha gran parte da mentalidade histórica da sociedade.

Na literatura dalgunhas sagas nórdicas do século XII-XV menciónase o bloðorn ou rísta bloðorn, expresións que significan «aguia de sangue» e que definen o método máis terrible de execución e tortura que fixeron os lordormani2. Á vez, tamén era un rito de sacrificio humano. E para algúns historiadores, esta práctica carece de autenticidade histórica e discuten se foi unha invención ou unha mala interpretación das sagas; mais para outros é un feito veraz que comproba as sanguinarias tradicións pagáns nórdicas.

Se algunha vez chegou a executarse, o procedemento consistiría en poñer á vítima de costas, e abrirlle as costelas dende a columna vertebral para arrincarlle os pulmóns. As costelas sobresaíndo das costas daría unha impresión de ás enchoupadas de sangue. Por exemplo, ese sería o fin do caudillo viquingo Halfdan Haleg ou do rei Aella de Northumbria (finou o 21 ou 23 de marzo de 867).

Na historia lendaria do rei Aella, cóntase que foi o responsable da morte do líder viquingo Ragnar Lothbrok; e segundo os informes, Ragnar foi executado sendo lanzado a un pozo infestado de serpes. Os fillos do famoso líder, en vinganza da morte do pai, mataron a Aella facéndolle o «aguia de sangue».

Con todo, o feito de que Ragnar Lothbrok e a súa morte figuran entre a historia e a mitoloxía, xunto coa falta de evidencias, levaron a algúns estudosos a crer que a existencia deste método de axustizamente era cuestionable. En vez de seren relatos fácticos, algúns vennos como historias reforzadas con aportes dramáticos para entreter en lugar de informar.

Por outra banda, o profesor de historia medieval da Universidade de Kent (Reino Unido), Alfred Smyth, cría que o «aguia de sangue» era un modo real de execución, xa que o termo para o «aguia de sangue», bloðorn existía en nórdico antigo. A súa crenza, tamén puido ser amparada pola evidencia material das pedras de Stora Hammars en Gotland (Suecia), que se remonta á época viquinga.

Posible escena do «aguia de sangue» (Stora Hammars)

Como vemos na foto, nunha escena de Stora Hammars parece representar a un home prostrado sobre o ventre e a outro empregando a súa arma nas súas costas. Tamén aparece representado un Valknut e dúas aguias, unha das cales é sostida por un home.

Representará esta escena o «aguia de sangue» ou será outra alegoría? Eu non o sei, mais sei que o debate sobre a existencia deste método de execución, continuará.

1 CHAO ESPINA, E., 1977, Los Normandos en Galicia y otros temas medievales.

2Termo empregado polos cronistas medievais.

2 comentarios sobre “Aguia de sangue: un método de axustizamento vikingo?

Agrega el tuyo

  1. Moi interesante relato. Si nos preguntamos pola ferida anatómica que tiña que facer o verdugo, e os instrumentos que tiña que usar pra desarticular as costelas da columna, é difícil pensar en instrumentos adecuados dispoñibles nesa época ou antes do século XVIII.
    Esto leva a asociar esta historia co martirio de San Zoilo, ocurrido no século IV, con un método similar, no que supostamente a apertura do tronco por detrás era máis baixa, por debaixo das costelas, o co suposto fin de extraer os rins, ocasionando eventualmente a morte por sangrado masivo, no caso de Zoilo prolongóuse milagrosamente a agonìa e foi finalmente degolado.
    Esta última práctica só necesitaria un instrumento cortante e certo coñecemento da anatomia.
    Véxase ionografia na internet procedente do monasterio de San Zoilo en Carrión dos Condes e da ermita de San Zoilo en Cordoba.

    Le gusta a 1 persona

Replica a Natividad Rey Cancelar la respuesta

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar