Voces do camposanto: un suceso en Sada no outono de 1918

A finais de 1918, cando a segunda vaga da mal chamada gripe española chegou a Galicia deixando preto de 25.000 mortos en apenas dous meses, o medo á enfermidade e á morte estendíase por todas partes. A falta de médicos —moitos deles tamén contaxiados— facía que os falecidos se enterrasen con frecuencia sen certificado de defunción, o que deu lugar a máis dun erro tráxico.

Un dos casos máis comentados foi o dun veciño da localidade coruñesa de Sada. O home saíra da casa coa intención de facer unhas xestións nun banco de A Coruña, pero a medio camiño comezou a sentirse mal e decidiu regresar ao fogar, onde faleceu ás poucas horas.

Sen médico que puidese certificar a morte, a familia procedeu ao enterramento, sen sospeitar o que estaba a piques de acontecer. Días despois, lembraron que o falecido levaba 1.500 pesetas no peto do pantalón —a cantidade coa que saíra cara a cidade— e decidiron recuperar o diñeiro. Solicitaron a apertura da tumba e, unha vez autorizada, os presentes contemplaron con horror como o cadáver tiña o cranio desfeito e as unllas das mans arrincadas: todo indicaba que o home revivira no ataúde e loitara con desesperación por saír, ata morrer finalmente asfixiado.

Contábase que o enterrador asegurara escoitar voces saíren do camposanto o día do enterro. O suceso marcou fondamente a memoria colectiva dos veciños de Sada, que durante décadas seguiron a referirse a este caso como exemplo do perigo dos enterramentos prematuros.

A noticia foi publicada por un xornal da época, nun momento de gran alarma social, co obxectivo de advertir á poboación para que non se inhumase a ninguén sen a correspondente certificación médica. Naquel tempo, a comprobación da morte limitábase a verificar a ausencia de latidos, respiración ou sensibilidade; con todo, sabíase que, mesmo así, podía tratarse dunha morte aparente.

Por iso, ante a falta de medios científicos, a única proba fiable era o cheiro a putrefacción. En moitas aldeas galegas conservábase, até hai pouco, a prudente costume de non enterrar a ninguén antes de transcorreren tres días, agardando ese tempo de espera no que a descomposición confirmaba o inevitable.

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar