As pranxideiras

Outubro é un mes propicio para falar da morte, aínda que ela non entende de meses favoritos e expande o seu nefasto designio por todo o calendario. Así e todo, quero contarvos unha antiga práctica relacionada coas cerimonias mortuorias que se practicaban en Galicia. Hoxe toca falarvos das pranxideiras.

As pranxideiras, tamén coñecidas como choronas ou carpideiras, eran mulleres que nos enterros ocupábanse dos prantos a cambio de cartos. Aínda que tamén había homes, eran unha minoría. Durante o seu apoxeo, a oufanía dos funerais medíase pola cantidade destas señoras. Os ricos ademais de contrataren moitas pranxideiras, tamén elixían ás máis profesionais.

Estas mulleres pedíanlle aos familiares información sobre a vida do finado para poder gabalo entre bágoas. Eran auténticas actrices que dramatizaban a dor facendo xestos extremos perante o cadaleito dun completo descoñecido. As choremias das viúvas e dos orfos quedaban curtas de par das delas.

As choronas vestían de loito rigoroso e iniciaban a actividade cando o cadáver saía da casa rumbo ao cemiterio. Os prantos e xemidos que producían debían conmover o acompañamento, mais sobre todo, tiñan que deixar satisfeito ao morto, que debía ser despedido con moito sufrimento.

A morte dun familiar esixía escenificarse coma unha desventurada perda (inda que este fose un completo badulaque), pois no caso contrario, se as lágrimas non emerxesen, existía a crenza de que o seu espírito vagaría como ánima do Purgatorio e podía regresar do Alén para atormentar aos vivos.

As pranxideiras actuaban como seres psicopompos, isto quere dicir, que acompañaban ao defunto no transito cara o Máis Alá. Pero foi a Igrexa quen freou a súa actividade por perturbaren os oficios dos funerais. Como exemplo, temos o caso do ano de 1782, cando o cóengo da S.M.I de Santiago de Compostela lle ordenou ao cura de Santo Estevo de Saiar “que non permita prantos, gritos, nin outros extremos ridículos na igrexa con motivo de enterros, bote fóra dela ao home ou muller que os cause”.

O antigo oficio destas mulleres esmorece por completo coa chegada da época moderna e, na actualidade, quédanos o dito “a chorar a Cangas” que alude ás choronas dese Concello,  as máis famosas do país.

Cando morreu Xan Fernández

veciño de Santa Comba,

ían catro pranxideiras

chorando detrás da tomba.

—Berrade máis! —dixo Bras.

—Berramos de abondo

pra des cartos que nos dás

(Cantar popular)

Fotografía: «Recración de la historia«

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar