A orixe dos Mariño na noite de San Xoán

Entre os mitos máis curiosos das xenealoxías nobiliarias destaca o relato fundacional da familia dos Mariño, o cal tivo modificacións e versións diferentes ao longo da historia. O relato remóntase ao século XIII, cando un cabaleiro chamado Fruela atopou unha serea á beira do mar.

Don Fruela vivía nun marabilloso castelo con todas as comodidades que debía ter un fidalgo, pero non tiña familia.  Unha mañá encomendouse á Virxe pedíndolle unha esposa, e saíu a buscala. Cabalgou pola ribeira até que achou unha muller durmindo sobre as rochas da praia. A serea espertou, e os tres escudeiros que acompañaban a don Fruela apresárona mentres a criatura intentaba escapar.

O fidalgo quedou namorado da fermosura da serea e levouna para o súa fortaleza decidido a casar con ela; mais ela non era cristiá. Entón, bautizouse antes do casamento e como filla do mar recibiu o nome de Mariña.

Co paso do tempo o fidalgo comezou a desconsolarse porque a súa muller era muda. Nin sequera pronunciara palabra tralo nacemento do seu primoxénito o día da festa do Bautista.

Ardía a fogueira de San Xoán no patio do castelo cando o cabaleiro arrincou o bebé dos brazos da nai e correu con el até a fogueira. Mariña ceibou un grito pensando que o seu meniño ardería perante os seus ollos. Polo amor ao infante, a serea falou, e Don Fruela devolveu o cativo aos brazos da nai. Ambos choraron polo medo, e o pai chorou de ledicia.

Para recordar tal acontecemento, chamaron ao primoxénito Xoán e concedéronlle os apelidos de Froilaz por parte do pai e Mariño por parte da nai serea. Entre os descendentes de Xoán Froilaz Mariño, aparecen os poetas Pedro e Martín Eans Mariño, e Paio Gómez Charinho. Ao parecer, este último trobador pertencía tamén á familia dos Mariño, posto que Chariño non sería máis ca unha lectura errada do apelido Mariño.[1]

Igrexa de Santa María de Leiro. NATI REY

A partir do século XVI difundíronse con moito éxito os escudos heráldicos nos tratados da nobreza. A serea dos Mariño petrificouse nas fachadas de moitas propiedades representando o mito fundacional, convertida no emblema do apelido familiar que representa e prolonga o mito até os nosos días.

Representación heráldica dos Mariño. Imaxe tomada de Diego Hernández de Mendoza,
(ca. 1600-1650) http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000100372&page=1%3E[consulta

[1]González Vázquez, M. “El arzobispo de Santiago: una instancia de poder en la Edad Media (1150-1400)”, Sada, Seminario de Estudos Galegos, Edicións do Castro, 1996, páx 199.

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar