Os visitantes escuros do Nadal

Nati Rey·Miguel García.

As festividades de Nadal compréndense no que se dá a chamar como “duodenario místico”, o período de doce días comprendido entre finais dun ano e comezos do seguinte, coñecido no mundo anglosaxón como os Twlvetide e que hoxe en día podemos situar entre a Noiteboa e a Epifanía. O que moita xente ignora é a escuridade que envolve o ciclo festivo do Nadal.

Astronomicamente esta é a fase do inverno na que o sol cesa o seu movemento estacional, quizais por iso na Anatolia a este período se lle chama Zemheri, o frío terrible.

Mais esa etapa de perda de forza do astro rei ten tamén unha implicación espiritual. En Serbia a estes doce días chamábanselle Некрштени дани, os Días non Bautizados, e considerábase que nesas datas as forzas e os seres malignos estaban máis activos e eran máis perigosos do normal. Un período de sombras que, baixo o influxo da cristianización, entendíase perigoso por comprender o tempo en que Xesús estivo sen bautizar.

Nalgunhas oracións da liturxia católica advírtese desta inmersión no mundo das tebras que non esvaecerá plenamente ata a resurrección de Cristo o Sábado Santo. Así, o Exultet ou pregón pascual refire que por fin totius orbis se sentiat amisisse caliginem (por fin “se sinta libre das tebras que cubrían o orbe enteiro”), por que haec igitur nox est, quae peccatorum tenebras columnae illuminatione purgavit (esta é a noite na que a columna de lume esclareceu as tebras do pecado).

Nesa “noite tan ditosa, na que se funden o ceo e a terra, o humano e o divino”, nese tempo limiar de doce días, o contacto entre o mundo terrenal e o alén é especialmente intenso e perigoso. Xa na tradición pagá do mundo xermánico podemos atopar referencias na saga de Hákon góði a unha serie de cultos aos antepasados e unhas cerimonias de protección ante os Draugr (fantasmas) ou os Aptrgangr (os que camiñan despois da morte), criaturas cualificadas como non mortas e que amosan maior actividade nestas datas. En Grecia inténtase espantar os Kallikantzaroi, uns monstros subterráneos que atormentan a xente con pequenos actos de maldade como agrearlle o leite, mexarlle no lume ou obrigalos a bailar ata a extenuación. En Anatolia estes monstros denominábanse karankoncolos, en Bulgaria karakondjul e en Serbia karakondžula. En concreto, no Pirot, no sueste de Serbia, o patriarca saía fóra da casa chamando polo german, un ser mitolóxico relacionado coa choiva e o pedrazo, gritando o seu nome tres veces e dicindo: “german, german, german, onde sexa que esteas, ven cear agora, e no verán non me deixes ver os teus ollos por ningures”. Logo acendía unha candea, tomaba un sorbo de rakia, probaba un pouco de pan chamado “da boa sorte”, bebía viño e regresaba a súa casa. Nas granxas da península escandinava os patriarcas realizaban ritos de sacrificio en honor dos elves (elfos).

Falando de Galicia, en Salcedo o antropólogo Rafael Quintía documentou o xeito de escorrentar os Trubincos, unha caste de trasnos amigos do enredo e propios do Nadal, que baixaban pola cheminea na noite de Noiteboa. Do mesmo xeito pódese apreciar como en Noite Vella a campá de Coiro (Cangas), ao igual que o fai nas noites de San Xoán, congrega as bruxas na praia de Areas Gordas para celebraren cerimonias satánicas diante do demo en forma de castrón. De aí a expresión de que en “San Silvestre meigas fóra”. Tal era a crenza en que no Nadal o mal podía presentarse con maior facilidade que en Galicia se cría que os que nacían neste tempo podían ser vedoiros, homes ou mulleres-lobo, pois foran concibidos na Coresma, período onde o sexo estaba prohibido.

Para continuar lendo: https://biosbardia.wordpress.com/2019/12/20/os-visitantes-escuros-do-nadal/

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar