Ritos no camposanto

No tempo de Todos os Santos adóitase visitar aos familiares e amigos que descansan nas sepulturas do camposanto. Esta costume é un xeito de lembrar aos nosos achegados e de recordar que nós seguimos vivos.

Os cemiterios son espazos sacros onde principalmente se celebra o rito funerario. Digo principalmente porque, ademais deste ritual, no camposanto realizábanse distintos tipos de “practicas”. Algunhas foron documentadas, e outras só quedan na memoria da xente por considerárense tabú. Nesta época do ano, onde o mundo dos mortos está próximo ao noso, relatarei algunhas delas.      

Ritos que se realizan nos cemiterios

Nalgunhas zonas de Galicia para conservar a saúde dos meniños, era costume levalos ao cemiterio a medianoite, buscar unha sepultura na terra dalgún familiar e no nome dese defunto dicir o seguinte ensalmo:

Conservádeme este miniño,

deixádemo quedar para min,

que me fai falta.

Po-la gracia de Dios,

e da Virxen María,

un Padre Nuestro,

e unha Ave María.

Foto de Nati Rey

En Meaño, Pontevedra, o neno que padecía o “aire de morto” levábase ás doce da noite ao camposanto. Na sepultura do finado que supostamente lle lanzara o “aire” no seu velorio ou durante o embarazo, a nai deitaba ao meniño sobre a tampa e dicía estas palabras:

            “Fulano (nome do defunto) tírallo o aire de morto e dálle o de vivo”.

De seguido, rezaba o Ave María e o Noso Pai, namentres as outras persoas que os acompañaban recollían herbas e outros obxectos ao redor da tumba. Cando saían do cemiterio tiraban con todo cara a atrás. Unha condición indispensable era que tiñan que ir e volver do camposanto en rigoroso silencio.

O “aire de cadáver” tamén era doenza das persoas maiores. Neste caso  o doente colocábase de xeonllos sobre a tumba do finado que o facía esmorecer, e sobre ela recitaba un ensalmo. Despois, coa man dereita petáballe tres golpes sobre a tampa para “espertalo”, e dicía: “Difuntiños todos, dádeme o aire, que a vos non vos fai falta”.

Ademais destes ritos, teño documentado na parroquia de Leiro (Rianxo) como se empregaba a terra sagrada do camposanto para sacar o meigallo.

            Os ósos dos mortos

Os ósos dos defuntos eran recomendados na medicina popular como amuleto. Cóntase tamén que as bruxas os empregaban en po nas  súas beberaxes, e que mesturándoos con viño creaban unha poción capaz de romper a infidelidade dos maridos.

Está documentado outros tipos de rituais aínda máis escuros vinculados aos cemiterios, pero iso deixareino para outra ocasión…

Bibliografía:

LIS QUIBEN, V. La medicina popular en Galicia.

CASTROVIEJO, J.M. Apariciones en Galicia.

BEGOÑA IGLESIAS, E. La actual medicina popular gallega.

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar