O Penedo do Tangaraño, tamén coñecido como Penedo Vigón, está no monte de San Bieito de Cova do Lobo en San Lourenzo de Piñor (Ourense). Se pasamos polo oco debaixo da pedra atoparémonos cunha pía de auga curativa para as afeccións da pel e con prestixio para sandar o tangaraño.
Esta poza de auga milagreira nunca seca, incluso no verán. Un informante da zona contoume que na súa nenez ía cos seus amigos a sacarlle auga á cavidade e, cando regresaban ao día seguinte, sempre volvía ter auga.
O médico Víctor Lis Quibén explica que o tangaraño, tamén denominado «mal do aire«, produce mal estar xeral con diversos trastornos e doenzas que causan debilidade, podendo orixinar tamén enfermidades na pel.
Cando se manifesta nos meniños, o tangaraño presenta diferentes síntomas. Os nenos sofren diarrea e adelgazan porque non comen, sendo a súa fraqueza tan extrema que poden quedar secos e co abdome avultado. Retrasan en andar, teñen a musculatura branda e tamén poden ter as articulacións das mans e dos pés tortas. Os pequenos fican pálidos, nin sorrín, choran seguido e ás veces incluso parece que miañan como gatiños. En resume, a enfermidade fai mirrar aos cativos até finaren, por iso é unha das máis temidas na cultura tradicional galega.
No Penedo Vigón cúrase o tangaraño executando un rito que, segundo o etnógrafo Xesús Taboada Chivite, consiste en pasar ao doente polo oco da peneda recitando a seguinte fórmula:
Señor San Benito,
meu fillo che traio;
doente cho deixo,
devólvemo sano.
Despois do ritual sacábaselle a roupa ao neno, deixábase alí e vestíaselle unha nova. A curación deste mal tamén se lograba facéndolle un nó a algunha das xesta que hai preto da rocha.

Os ritos pódense levar a cabo calquera día do ano, pero resultarán máis efectivos executándose o 11 de xullo, por ser a festa de San Bieito.
Deja un comentario