O LUME PAN

O Lume pan é unha tradición ancestral que se celebra a noite do 30 de abril prendendo fogueiras ou fachos de palla. Con eles córrese polas leiras espallando as faíscas para fertilizar os campos e protexelos das enfermidades. Taboada Chivite di que a véspera do 1 de maio, nalgúns lugares de Galicia, os campesiños dan tres voltas cos fachos arredor dos campos sementados e cantan ata o amencer: «Alumea o pan, aluméao ben, alumea o pan para o ano que vén».

Chivite indica que estas costumes mantivéronse vixentes en Galicia ata o 1966, celebrándose en Pontecesures, Santa María de Roo (Noia), Maía e terras do Ulla. Tamén se documentaron noutras zonas de Galicia como en Bertamiráns e Rois. Hai uns anos, na parroquia de Buxán (Rois), os veciños recuperaron esta tradición perdida e comezaron a facer o rito na aldea de O Piñeiro.

O LUME PAN E A FESTIVIDADE DE BELTANE

O antropólogo Frazer explica que, antigamente, nas montañas de Escocia o primeiro de maio prendíanse fogueiras coñecidas como fogos de Beltane e festexábase cunha gran cerimonia que perdurou ata o século XVIII.

Son moitos os estudosos que identifican a costume do Lume pan cunha orixe pagá vencellada a Beltane, unha das festividades do calendario celta, que se celebraba despois de sementar os campos e cando o gando estaba listo para pastar. Inda que se descoñecen moitos datos desta celebración, sabemos que Beltane estaba relacionada coa calor do sol, coa fertilidade dos humanos, dos animais e dos campos.

Os druídas, feiticeiros por excelencia, eran os encargados de organizar o festexo de Beltane dirixindo as actividades relixiosas como máximas autoridades vencelladas aos deuses. Nesta data realizábanse ofrendas en forma de agasallos ou sacrificios aos espíritos poderosos que prestaban axuda a quen os invocase en caso de necesidade. O lume tamén estaba presente no rito por ser un dos elementos idolatrados polos pobos celtas.

Nas fontes clásicas gregas, Estrabrón menciona os sacrificios humanos relacionados co lume na Galia: «Despois de construír un coloso de palla e madeira, lanzaban ao seu interior gando e animais salvaxes de todo tipo, así como seres humanos. Despois prendíanlle fogo a modo de ofrenda…». Esta práctica podería ter relación cos druídas celtas en canto ao seu carácter relixioso e á importancia das ofrendas nas catro festividades máis importantes do seu calendario —destacando Beltane como a festa sacerdotal—.

Trala erradicación do druidismo polos conquistadores romanos coa «escusa» de poñer fin aos sacrificios humanos, a Igrexa de Irlanda foi especialmente implacable cos rituais de Beltane. Quizais porque remitía a unha sexualidade «primitiva», na que a liberdade sexual que se gozaba aquela noite entraba en conflito directo cos preceptos máis castos do cristianismo.

Chegado ata este punto, cómpre reflexionar: é o Lume pan unha reminiscencia dalgún dos rituais de Beltane que chegou vixente ata os nosos días?

Mira pan, mira pan,

a larada que che fago

dáme cada gran coma un bogallo

e cada pé coma un carballo.

Feliz Beltane

Imaxe de Pinterest.

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar