O xacemento arqueolóxico da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro (Valga, Pontevedra) perdurou na memoria dos veciños ata que foi descuberto. Os habitantes coñecían referencias sobre a existencia dun cruceiro, dunha pequena igrexa e dun gran mosteiro que foron destruídos no século XVIII para construír a actual igrexa de Santa Comba de Cordeiro.

A ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA EN SANTA COMBA DE LOURO
Trala campaña da escavación arqueolóxica permitiuse documentar unha secuencia histórica ocupacional, que se sitúa dende o fin da época romana até o século XVIII. Por isto, o lugar é de gran importancia para explicar un tránsito histórico pouco coñecido en Galicia: o fin do mundo romano.
O 27 de febreiro do 380, o emperador romano Teodosio promulgou o Edicto de Tesalónica, mediante o cal o cristianismo pasou a ser a relixión oficial do imperio. Como consecuencia, desapareceron moitos enclaves tardorromanos, mais outros foron cristianizados evolucionando os seus espazos relixiosos.
No caso da Igrexa Vella, sobre o nivel de ocupación romana, documentouse a construción dunha pequena igrexa basilical de planta rectangular. Posiblemente, tivese unha ou dúas dependencias para uso dalgún eremita. Desta hipótese, xorde a idea dun cenobio. As primeiras tumbas exhumadas «in situ» aparecen asociadas a este templo e todas elas están localizadas no interior da nave principal. Esta primeira igrexa mantense até que foi incendiada arredor do século VIII-IX.
O terceiro nivel de ocupación é altomedieval, momento no que se constrúe unha segunda igrexa aproveitando a fachada e as paredes laterais. Aparece unha necrópole de laxas e recuperouse no exterior da fachada un total de 26 tumbas: a maioría de adultos e algunha infantil.

O Cuarto nivel arqueolóxico iníciase a finais da Baixa Idade Media e inicio da época moderna. A igrexa pasa a ser parroquial, engadíuselle unha capela lateral antes da cruz e unha sancristía. Exhumouse un altar e localizase un sarcófago monolítico.


O último nivel de ocupación data de principios do século XVIII, no que se documenta o desmantelamento da igrexa e o seu traslado á actual parroquial de Santa Comba.
Os arqueólogos propoñen a necesidade de completar a escavación e facer do xacemento un referente didáctico mediante un adecuado proxecto de consolidación e posta en valor.

Bibliografía: https://igrexavellasantacombadelouro.wordpress.com/o-xacemento/
Excelente información arqueológica Nati! Felicitaciones!
Me gustaLe gusta a 1 persona
Moitas grazas por seguir este blogue 🙂
Me gustaMe gusta