A Compaña, a procesión de mortos que buscan o seu lugar no Alén, conta cunha serie de particularidades cando se presentan no ámbito mariñeiro, tal e como coñecen os investigadores Celestino Pardellas de Blas, Fernando Alonso Romero, Ana Liste, Carmelo Lisón Tolosana, Estanislao Fernández de la Cigoña, Staffan Mörling, etc, a quen lle debemos estudos e testemuños aos que nos referiremos ao longo do noso artigo.
Un estrondoso galopar.
No primitivo ciclo mitolóxico celto-xermánico, as almas en procesión nocturna son dirixidas cara o outro mundo voando ou a cabalo polo aire. Esa hoste nocturna configuraba a lenda da Wilde Jard ou cacería salvaxe, coñecida no medievo peninsular como Uest antigua, termo que chegaría ata os nosos días como Estantiga, Estadea. A crenza popular galega dunha dinámica localización das almas dos mortos e a posibilidade do contacto con elas configurarían a procesión nocturna de ánimas do Acompañamento ou Compaña.
Veremos algúns exemplos de como este mito da cacería salvaxe se manifestaría nas crenzas das illas e dos pobos costeiros.

Nas illas Arán, Lady Gregory puido estudar no verán de 1898 a visión dos sidhe como unha tropa de xinetes cabalgando polo ceo nocturno batallando con estrondo, e tamén vagando entre as almas dos mortos da aldea. Estes espectros acostuman levar consigo a algún vivo para que os acompañe nas súas correrías.
«Houbo un neno que veu do outro lado da illa para traer o gando pola mañá cedo, antes do amencer, chegou á porta chorando e dixo que escoitou trinta cabalos ou máis galopando polos camiños, por onde un pensaría que ningún cabalo podería ir».
«Sexa o que sexa, no mar hai o mesmo que hai na terra, e entre as illas de Aran algunhas veces pódense ver os cabalos galopando no fondo».
«Meu pai estaba pescando unha noite en Tyrone e veu algo ao lado do bote, que tiña os ollos brillando como candeas».
«O meu tío […] ía para casa con outros dous ou tres, e un deles, Michael Flahrety, dixo que mirou xente na beira do mar[…].Logo separáronse, e meu tío tivo que pasar pola praia e viu compañías de xente que subían do mar. El non sabía como pasaría por entre eles, mais abríronse ante el e deixárono pasar».
(GREGORY, L. Visions…)
A finais do s. XIX Fr. Allan MacDonald documentou nas illas Hébridas a Sluagh como presaxio de morte. A compañía de ánimas aparece de noite precedida de luces, lamentos ou queixumes, e cun son semellante ao asubío do vento ou ao paso dunha bandada de paxaros. Logo ven camiñando a procesión dos mortos como unha nube escura, que de preto, pódese recoñecer o espectro dalgúns veciños. Na illa de Barra crese que os compoñentes da Sluagh combaten entre eles no aire da noite. Alí, a cor encarnada dos liques das rochas atribúenlla ás gotas de sangue dos membros da Sluagh feridos nas loitas.

Na Bretaña a procesión de mortos vese nas praias ou por riba do mar, vagando as almas en pena por riba das ondas. Procopio, no século VI d.C. conta que os habitantes de Armórica crían que os defuntos reuníanse en determinadas noites na Pointe du Raz, á beira do mar, para que os pescadores os levaran nas embarcacións ata a illa do Alén, á que chaman Brittia.
«Durante a noite as persoas que vivían na costa oían chamar ás súas portas e pronunciar os seus nomes. Os pescadores levantábanse da cama e eran obrigados por unha forza superior a camiñar cara a praia. Alí subían a bordo dunhas estrañas naves cargadas cos seus invisibles pasaxeiros que a penas sobresaian da auga e comezaban a remar rumbo a illa».
(ALONSO ROMERO, F.: Crenzas…)

A procesión das ánimas por riba do mar.
Cando se manifesta a Compaña nas comunidades mariñeiras, un elemento que destaca é o lugar de onde parte e o xeito en que transita cara a aldea.
A Compaña non reside no lugar onde habita a comunidade, algo que se repetirá no resto de lugares. Na illa de Ons a procesión de mortos viña sempre de Noalla, ben dende o Campo da Lanzada e a praia de Foxos, ou ben dende Punta Faxilda e a praia de Aios. A estreita relación administrativa, comercial e relixiosa entre os habitantes de Ons e Noalla nacera co último poboamento da illa en 1810 con xentes procedentes do Salnés. Quizais por iso nos anos 1950 o cura de Noalla contáballe a Filgueira Valverde que era crenza que «A Lanzada e Ons estiveran xuntas por terra»[1]. Por tal causa a procesión de ánimas sae do antigo cemiterio da parroquial noallesa ou do cruceiro de Monte Faro, baixa polos campos da Barreira e descansa a carón da ermida da Lanzada, antes de partir rumbo a Ons. Non reside na illa, posto que nunha comunidade illada todo o que está fóra do control do colectivo ten que ser foráneo, afastando así o infortunio que pode traer consigo a Compaña.
«Na illa non habita porque non teñen tranquilidade, aquí só veñen para as “visitas”. […] Polo día teñen que descansar e aquí estamos a traballar de seguido no monte ou coas vacas».
(PARDELLAS DE BLAS, C: Mitoloxía…)

A Compaña ven por riba do mar, voando ou camiñando sobre as ondas. Chega precedida por unha gran luz encarnada que ven «alta de todo» e que cando pousa no chan «alumea todo como se fose día». A esta luz séguea outra de cor branca «máis pequena e baixiña», que precede ao Acompañamento, ben en forma de «moitas luces pequeniñas coma cirios» ou coma unha procesión de «xente de toda clase: pequena, grande, neniños, cans, […] vestidos coma nos»[2]. Por último, cerra a comitiva unha segunda luz branca.
Para Alonso Romero a primeira luz serve de aviso ao mundo dos vivos da chegada dos mortos, marca a ruta do seu camiño e alumea o seu escenario. A luz ven do alto, denotando que a Compaña ven de outra esfera, doutro mundo, do que ven polo aire. Mais cando se pousa en terra o fenómeno intégrase co mundo luminoso dos vivos, por iso a Compaña compórtase como os seres humanos, iluminando o camiño por onde vai pasar. Os propios habitantes de Noalla vían «unhas luces como os fogos de lucería das vésperas das festas»[3]. Algo semellante sucedía en Culleredo (Asturias), onde os mariñeiros non saían faenar a noite de Tódolos Santos nin o día da Encarnación por medo á Güestia, en forma de luces ardendo no mar preto da costa.
En Ons as luces podían aterrar no Centulo ou na praia de Melide. Cando entraba polo Centulo as ánimas viñan visitar aos defuntos, facendo unha parada nas Laxes do Caño antes de rematar a viaxe no cemiterio cunha gran lumarada. Alí velaban a algún parente defunto. Incluso podían vir «buscar as almas dos mariñeiros doutros lugares que morreron preto da illa e que foron enterrados no cemiterio porque ninguén os reclamou». De aí a aparición da Compaña na illa de Onza, onde veñen á procura das ánimas dos desaparecidos nos naufraxios.
«Cando foi do Cíclope, puxo a Armada unha caseta na illa de Onza para vixiar que ninguén fora a roubar metal ao barco. Un día, os soldados chegaron á illa contando que pola noite miraran unhas luces raras. Crendo que eran ladróns que viñan roubar ao barco, foron na súa procura, pero non os atoparon. Os illáns dixéronlles que sería a Compaña, que dende que foi o naufraxio do “Barco Francés” e do “Campos”, as ánimas dos náufragos andan penando pola illa».
(PARDELLAS DE BLAS, C.: Mitoloxía…)
Se a luz pousa na praia de Melide, a procesión anuncia a morte mediante tres visitas. Nas dúas primeiras visitas o Acompañamento ven precedido dun vivo, sempre de Noalla, que porta a “Facha” en forma dunha cruz de vimbio. Detrás del a procesión de ánimas porta un cadaleito que depositan diante da casa onde vai acontecer unha morte. Na terceira e última visita non hai portador da facha nin cadaleito, indicando que a desgraza xa está próxima. Ao igual que sucede nas Hébridas, a Compaña maniféstase mediante un ruído ou zumbar, como se se levantara un vento moi forte.
«Estabamos a piques de durmir, cando escoitamos un “ruído” como se estivera a soprar o vento. […] O meu home saíu, pero fóra, calma podre. Meteuse na cama e, ao pouco, outra vez o “ruído”. Ao día seguinte soubemos que morrera un veciño».
(PARDELLAS DE BLAS, C.: Mitoloxía…)

Tamén se pode dar o caso de que unha ánima do Acompañamento visite aos seus familiares para pedirlle algo que calme o seu penar ou para avisalos dun perigo próximo. Neste caso pódense introducir no corpo dun animal para alertarlles, ou provocar a visión dun suceso anómalo.
«…cando cheguei á casa, conteille á muller que fora ó muelle […] e que vira , preto do Con do Ferreiro, ó fillo de José na dorna do seu pai. Xa eran máis das 12 e tiraba o mar, que faría alí? Ao día seguinte enterámonos que caera da dorna en Portonovo e que estaba moi mal».
(PARDELLAS DE BLAS, C.: Mitoloxía…)
Para os antigos habitantes da illa de Sálvora a Compaña tampouco residía na illa, posto que “a estación” da Compaña estaba no interior do illote de Noro. A procesión de defuntos saía os venres dunhas penas no alto da Gralleira, ao sur de Sálvora, e descendía camiño da Aldea alumeándose con luces e portando os penitentes un cadaleito reservado para un sentenciado. Logo encamiñábase dende a praia dos Bois ó illote, onde se escondía nas súas covas o fin de semana.

Pola contra, para os habitantes de Ribeira a Compaña procedía de Sálvora, polo que se confirma que o seu lugar de procedencia desígnao a comunidade que a ve, creándose así distintos ámbitos de actuación do fenómeno.
«Contoume o meu pai que estando de noite preto da illa de Sálvora a recolle-lo aparello, miraron unha “lus” moi forte; asustáronse, armaron a vela e puxeron rumbo á illa (Ons). Sabían, polos vellos de antes, que a Compaña que anda por Ribeira non se achega á nosa illa».
(PARDELLAS DE BLAS, C.: Mitoloxía…)
A Compaña de Sálvora, ao igual que sucede na illa de Ons, trasladábase voando por riba do mar, neste caso ata Noro ao berro de “Deus en ave”. Os mariñeiros de Cornualles crían que as almas dos afogados no mar reencarnábanse en gaivotas, crenza tamén moi estendida nas Hébridas. Os habitantes de Vendée (sur da Bretaña) crían nun vello mito segundo o cal o Paraíso situábase nun mar celeste e existían aves que coñecían o camiño para chegar ata el. Estas aves levaban mensaxes dos vivos ás almas dos benaventurados que moraban nese paraíso.
ALONSO ROMERO, F.: Crenzas e tradicións dos pescadores galegos, británicos e bretóns.
ALONSO ROMERO, F.: “Los orígenes del mito de la Santa Compaña de las Islas de Ons y Sálvora”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, t. 32.
FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, E.: Illas de Ons e Sálvora. Historia natural e humana.
LISÓN TOLOSANA, C.: La Santa Compaña. Fantasías reales. Realidades fantásticas.
LISTE, A.: Galicia: brujería, superstición y mística.
MÖRLING, S. e OTERO PATIÑO, J.: Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons.
PARDELLAS DE BLAS, C.: “Mitoloxía: a Santa Compaña en Ons (I)”, en Aunios, nº 2.
PARDELLAS DE BLAS, C.: “Mitoloxía: o mito da Santa Compaña en Ons (II)”, en Aunios, nº 3.
PARDELLAS DE BLAS, C.: “Mitoloxía: o mito da Santa Compaña en Ons (III)”, en Aunios, nº 5.
PARDELLAS DE BLAS, C.: “Mitoloxía: o mito da Santa Compaña en Ons (IV)”, en Aunios, nº 9.
[1] Catalogación Arqueolóxica e Artística do Museo de Pontevedra, caixa Sanxenxo.
[2] ALONSO ROMERO, F.: Los orígenes…
[3] Catalogación Arqueolóxica e Artística do Museo de Pontevedra, caixa Sanxenxo.
Deja un comentario