TRAXEDIA FRONTE AO CRUCEIRO DO CABO

Cando visitei a aldea de Quintáns (Isorna, Rianxo) para ver o Cruceiro do Cabo, atopeime cun señor que me contou unha tráxica historia que ocorrera no medio do río Ulla, xusto fronte a dito cruceiro. O home lembrábase perfectamente do caso aínda que sucedera hai máis dos seus oitenta anos de vida.

Aconteceu ás catro da mañá do 12 de xuño de 1906. Como cada martes, facíase o mercado en Vilagarcía de Arousa, e a cinco mulleres veciñas de Abalo e Isorna urxíalles cruzar o río para acudir ao mercado con oito carneiros, posiblemente para vendelos. Entón, en Quintáns atopáronse co seu veciño Manuel Lagos de Catoira e pedíronlle de favor que as levase. Manuel era un canteiro casado en Isorna, e para poder visitar con frecuencia á súa familia comprara unha gamela, coa que atravesara o río o domingo anterior sen o menor perigo.

No lugar de O Cabo (Quintáns), embarcaron no bote o propio Manuel, os animais e as cinco mulleres: Ramona Varela coa súa filla Concepción Franco Varela, Concepción Ares Abalo e as irmás Peregrina e María Carou. Algunha era a primeira vez que se embarcaba. Durante a travesía, no medio do canal do río, os animais intentaron escapar e unha das donas quixo contelos facendo acanear a gamela entrándolle un pouco de auga. Iso foi suficiente para que as demais mulleres se axitasen facendo anegar a gamela cos seus movementos, terminando por envorcar e iren todos ao fondo.

Cruceiro do Cabo

Manuel foi o único que apareceu a flote e non viu a ningunha das mulleres ao seu redor. Dende a beira do río, un mariñeiro decatouse do naufraxio e arroxouse á auga conseguindo salvar a Manuel.

 Os traballo que se realizaron para rescatar con vida ás cinco mulleres foron ineficaces. O resto do día, catro botes dedicáronse a buscar os seus corpos. Cando a Comandancia de Vilagarcía chegou ao lugar do desventurado suceso, o axudante señor Manterola atopouse xa cos cinco cadáveres á beira do río e arredor deles toda a veciñanza de Isorna e Abalo.

O impacto foi tan grande para Manuel que durante un tempo estivo deitado na cama sen recobrar a fala.

Ramona e Concepción, nai e filla, non puideron ser enterradas xuntas, porque o cadáver da nena (11 anos) apareceu na punta de Rañó. Pese aos intentos do pai por darlle sepultura ás dúas no cemiterio de Isorna, as autoridades aplicaron a lei que daquela obrigaba a enterrar aos defuntos onde se atopaban os corpos.

Bibliografía:

La Correspondencia Gallega, 15/06/1906

La Correspondecia Gallega, 19/06/1906

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar