Dende a antigüidade en distintos puntos de Galicia os xacementos evocaron no imaxinario popular todo un mundo máxico cun extenso legado de mitos e lendas que se repiten. No entanto, existe unha lenda inusitada no Castro Valente, un monte coroado por unha fortificación tardoantiga situado na marxe sur do río Ulla, no límite municipal entre Padrón (A Coruña) e a Estrada (Pontevedra).

Nas inmediacións do monte de Castro Valente sitúase a Fonte do Santo, igualmente vinculada a un importante folclore; mais na década dos sesenta do século XX, xurdiu unha historia que arrepiou aos veciños da contorna durante unha longa tempada.
Un cazador pregoou que no monte do Castro Valente había unha misteriosa pantasma que se adicaba a asustar ás lebres e ás perdices. Outros veciños contaron que o espectro fora visto baixando do monte ao anoitecer do Día de Defuntos, e que tiña unha estraña silueta semellante a un elefante con pernas esqueléticas.
Non tardou moito o cazador en querer organizar unha batida contra aquel ser que o xornal La Noche denominou como o Yeti del Ullán. Tamén houbo quen lle recomendou ao cazador contactar con Sir Edmúnd Hillary que andaba por aquel entón polo Himalaya, tamén buscando ao home das neves polo val de Rolwaling.

Ignoramos se o cazador conseguiu reunir xente dabondo para aquela batida, pero sabemos que o pánico corría entre os habitantes e preguntábanse quen demoños sería aquela pantasma do Ullán. Porén, un veciño decidiu consultarlle á meiga Curula que vivía en San Salvador de Aragunde. Ela respondeulle: «Non se preocupe! Desde que morreu Pepa a Loba sempre pasaron estas cousas. Sonlle os cans de mala morte que pola noite levantan palleiros e foxen con eles para o monte. No mes dos Defuntos falan co trasno e logo morren de fame. Os cans esperan a que veñan as enxurradas do noso río para tirar os palleiros nas augas enlodadas».
A contorna de Castro Valente estivo sempre relacionada con bestas reais e mitolóxicas. Na capela de San Xoán de Caeiro réndese culto á imaxe aparecida na Fonte do Santo de Castro Valente. Na mesma capela tamén se venera a San Uberto, patrón dos cazadores, e cada último domingo de outubro celébrase unha romaría cinexética na que os cazadores da zona sacan en procesión a imaxe do santo, colgando dos seus cintos os coellos e demais presas capturadas na batida matinal.

O cruceiro da capela de San Xoán do Caeiro, antigamente situado nun alto do Camiño do Sal, foi custeado polos arrieiros que comerciaban con dito produto dende o porto de Cesures. Erixírono para protexerse das treboadas, dos bandoleiros e das bestas salvaxes.





Deja un comentario