«Ao pobo de Rianxo, ameazan días de horrenda miseria. Minguada en case a metade a colleita do millo por efecto das excesivas calores estivais, sen traballo a clase obreira, esgotada a gran mina da Ría por unha explotación infame, negra, moi negra!, será a sorte das clases pobres no inverno que se aveciña».
Eco de Galicia (08-12-1917)
Corrían tempos difíciles en Rianxo en 1918. Un ano antes, o xornal Eco de Galicia xa informaba da desventura que pasaría a vila pola falta de recursos. Dende ese momento, só tiveron que pasar uns meses para ver ás persoas enmagrecer; mais non só por falta de alimentos, senón pola mal denominada gripe española.
Foi no outono de 1918 cando a segunda vaga da pandemia chegou a Galicia deixando 25000 mortes en apenas dous meses. En Rianxo os primeiros casos aparecen a finais de setembro, provocando un «estado deplorable na saúde pública». A comezos de outubro a gripe xa se propagara dun «modo tan rápido e alarmante que apenas quedaba vivenda na que non penetrara», chegando a haber só no centro da vila máis de 400 persoas enfermas. O cénit da pandemia chegaría a mediados do mes, contabilizándose ata a data (13-10-1918) máis de 63 defuncións e 2000 enfermos, con días dramáticos nos que falecían ata once persoas. O virus non distinguiu idades, como tampouco clases sociais.
En todo o concello a situación inspiraba unha verdadeira tristeza. As campás das igrexas xa non tocaban a defunto para non alarmar, e os comercios estaban pechados pola enfermidade dos seus donos e da súa familia. A situación era tan crítica que a veciñanza dirixiu unha protesta ao Gobernador da Coruña pedindo a destitución da corporación municipal.
Rianxo foi un dos pobos «onde máis estragos causou a epidemia grippal». Aquelas pobres xentes atopábanse «sen médicos nin medicamentos, nin medidas de hixiene, entregados completamente a súa propia sorte», xa que o médico titular e os dous practicantes que habitualmente prestaban asistencia na vila, non podían actuar. O titular Sr. Varela Abades e o practicante Sr. Mosquera estaban atacados pola gripe e só había catro boticas abertas.
A solidariedade dos médicos
Ante a alarmante situación, o deputado por Padrón don Antonio Rodríguez «logrou atopar un médico en Madrid que socorrese á vila de Rianxo». «Y gracias que era gallego», apuntara o propio deputado, dado que o doutor acudiu polo «amor aos seus paisanos, e non polo minguado estipendio que lle ofrecera o ministerio». O médico chegou a Rianxo o 19 de outubro con dous lotes de medicamentos, desinfectantes e 300 pesetas de socorro.
Tampouco dubidaría en prestar os seus servizos o cirurxián Ángel Baltar, que dende a chegada da pandemia gripal refuxiábase no seu chalé en Tanxil (Rianxo). Ese foi un dos feitos polo que sería nomeado fillo adoptivo (1925) e tamén fillo predilecto (1927) de Rianxo.

Outro dos médicos que se presentaron en Rianxo foi o ilustre Alfonso R. Castelao auxiliando aos seus veciños. Castelao renunciara á Medicina tras sufrir un desprendemento de retina que case o deixa cego. El mesmo declaraba que «se fixera médico por amor ao seu pai e que deixaba a Medicina por amor á Humanidade». Abandonou Rianxo, e «por amainal-a concencia» guindou «co tíduo de médico no fondo d’unha gabeta» e buscou «outra maneira de se facer valer» ocupando unha praza de auxiliar de Estadística en Pontevedra. Mais cando coñeceu a situación da súa vila natal, solicitou unha excedencia como funcionario para prestar os seus servizos como médico, axudando dunha maneira «activísima» nos momentos onde a pandemia castigaba cruelmente ao municipio. A súa axuda voluntaria fíxolle recibir por parte dos veciños «sincerísimos eloxios pola súa abnegación e heroísmo».

Así o demostra o testemuño que me contou recentemente, aínda agradecida, a señora Maruxa de Rianxiño:
«Cando meu pai tiña 3 meses curouno Castelao. A el e a meu avó, que ámbolos dous enfermaran da gripe de 1918 en Asados. Castelao estaba por Madrid e viñera voluntariamente a axudar a moita xente».

A caridade do pobo
Ademais da axuda por parte dos médicos, Rianxo viviu exemplos de solidariedade entre os propios veciños, como o do cura Sr. Fariña que tras superar a enfermidade procedeu por iniciativa propia á desinfección das vivendas. Outra acción foi a colecta que fixeron José Ramón Rey e Manuel Casal, veciños de Leiro, acadando 120 pesetas para axudar aos enfermos máis pobres. Entre as persoas que ofreceron caridade e consolo ás familias máis angustiadas pola gripe e a fame, había tamén mulleres: dona Olegaria González, dona Carme Rañó, dona Asunción Torrado e dona Aurelia Arcos. Ademais, os antigos socios da disolta Asociación de mariñeiros e produtores en xeral da vila de Rianxo, distribuíron entre os máis necesitados 677 pesetas dos fondos que tiñan na asociación.
Como vemos, cada quen aportou o seu gran de area dentro das súas posibilidades. Inclusive, o libreiro e impresor don Cándido González repartiu unhas follas que contiñan unha serie de normas de hixiene. Entre as medidas de prevención que promulgaba a Xunta Provincial de Sanidade estaba o rego das rúas, a recomendación dunha boa hixiene bucal, non darse a man nin bicarse, non levar os dedos á boca, lavarse as mans con alcol antes de comer, e apartarse de lugares aglomerados para non respirar as «gotiñas» dos enfermos que tusían.

A axuda divina
A comezos de novembro a pandemia decreceu no centro da vila; mais aumentaba o número de contaxios nas demais parroquias do concello, sendo as máis castigadas a de Leiro e a do Araño. Dada esta situación, o primeiro domingo de novembro sacáronse en procesión polas rúas principais da vila as imaxes da Virxe de Guadalupe e a de San Roque para escorrentar a enfermidade. Foi un acto piadoso e solemne ao que asistiu toda a veciñanza e un gran número de fieis das parroquias próximas.
Para rematar, sabemos que a vaga da gripe de 1918 remitiu en Galicia no mes de decembro. En Rianxo, o 11 de xaneiro do ano seguinte a sociedade Nova Primeira Marítima, pagou un acto fúnebre en sufraxio dos socios falecidos pola recente pandemia. Aínda que se daba por extinguida a gripe nesta comarca, seguía morrendo xente na parroquia de Taragoña a consecuencia da enfermidade.

Información recollida en:
RODRÍGUEZ CASTELAO, A.: O Retrato, 1922
MONTEAGUDO ROMERO, H.: Para ler a Castelao, 2000.
El Ideal gallego, setembro-decembro de 1918.
Eco de Galicia, setembro-decembro de 1918.
El Correo gallego, setembro-decembro de 1918
El Diario de Pontevedra, setembro-decembro de 1918
El Progreso, setembro-decembro de 1918
Deja un comentario