«Santa», unha representación da muller labrega?

«[As nosas mulleres] soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda para mal manterse, para manter os fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.»

Rosalía de Castro

Dende que abriu as portas a exposición “Galicia, un relato no mundo” na Cidade da Cultura, podo dicir que a visitei unhas tres veces. E sempre terminei pasando a maior parte do tempo fitando en Santa, a escultura de Francisco Asorey da que el se sentía máis satisfeito.

Santa é unha das obras máis relevantes da arte galega, presentouse na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid do 1926 e rompeu coas convencións estéticas e coa corrección política do seu tempo. Provocou un gran debate nos xornais e inclusive escandalizou a raíña Victoria Eugenia por lle parecer a obra subversiva.

Esta escultura de Asorey representa unha muller labrega1 cargada de simbolismo. Leva un pano atado á cabeza e está completamente espida. Ten a pel curtida do sol e o seu corpo amosa unha musculatura definida. Santa mira cara á fronte ergueita, namentres carga o xugo das vacas ao lombo e nunha man leva a aguillada. As súas mans son bastas como o son os seus pés e na súa figura resalta o seu ventre un chisco prominente.

Cada vez que vexo Santa acórdome das mulleres campesiñas da Galicia tradicional. Desas que dende o punto de vista da sociedade masculina dominante, aparecían como unhas persoas linguateiras e dedicadas a realizar o traballo de pouco valor: ocupándose dos labores domésticos, das persoas dependentes, das tarefas do campo e sostendo a casa cando o home emigraba. A súa xeira comezaba antes do amencer e tiña un horario ilimitado. Malia que todos os traballos mencionados anteriormente requiren tempo e un importante esforzo físico, o xénero masculino de por aquel entón, teimaba dicindo que as mulleres facían traballos de «segunda categoría». Infrecuentemente tamén aparecían familias onde a señora «mandaba na casa», pero esta situación ocorría cando era ela a dona da vivenda ou cando o home non tiña «moitas luces» para estar á fronte da familia; mais non era ben visto que a muller se gabase do seu mando en público por non ser o ideal social. Mesmo o xénero feminino rexeitaba as esposas que non aceptaban someterse economicamente aos seus maridos.

Na Galicia tradicional, tamén había mulleres que tiñan un aparente dominio económico cando o marido lle entregaba o salario, e que mesmo lle tiña que pedir cartos a ela para os seus gastos cotiás. Este último caso ocorría principalmente cando era a muller quen gañaba o sustento familiar: vendendo piñas, hortalizas, ovos etc… Agora ben, hai que resaltar que a maioría das veces, aínda que ela gardara os cartos, era o home quen dirixía os gastos da casa.

Aquí déixovos unha historia que me contou a señora Mercedes e que reflicte unha situación do máis común aínda a mediados do século XX:

«Acórdome de Celia e do seu home, que era un palanquín. El nunca traballou pero despilfarraba na taberna todo canto gañaba ela vendendo leite. A el o que lle gustaba era ir xogar á baralla apostando un peso. Namentres gañara todo ía ben, mais o problema estaba cando perdía, porque volvía á casa a pedirlle outro peso a Celia. Ela tíñallo que dar, senón había gresca».

O simbolismo de «Santa»

Na miña opinión Santa simboliza o ideal feminino da muller galega na súa época. Representa ás mulleres dilixentes e traballadoras, as nais fecundas e as esposas que se resignaban aos maridos que lles tocaban sen se queixaren e sen daren que falar. Con todo, mirar a escultura de case dous metros de alto evocoume unha deusa2, pero non só pola súa altura. Observando o xugo vemos que é un símbolo de dominio; mais o que carga Santa está cuberto por follas de carballo, que simbolizan forza e resistencia. Dende tempos ancestrais o ser humano deuse conta de que o carballo atraía dunha forma peculiar o raio e este feito consagroulle facultades divinas, por ser un imán do lume celestial. Antigamente críase que o visgo que medraba sobre el era enviado do ceo e indicaba que a árbore fora elixida por unha deidade.

Segundo Plinio na súa Historia Natural, no mundo celta da Galia atribuíaselle ao carballo propiedades fertilizantes e se unha muller levaba unhas follas de visgo consigo favorecíalle para quedar embarazada. En Galicia temos santas cristiás vencelladas a carballos con virtudes, como é o caso do Carballo de Santa Margarida en Mourente (Pontevedra), que se atopa fronte da súa capela románica, e en tempo pasado era venerado polas parellas. Sentar ao seu carón era de boa fortuna para casar e ter prole.

No xugo de Santa tamén aparecen gravados símbolos protectores, como son as rosetas e o cruciforme. Na parte frontal aparecen dúas cunchas indicando o renacer e a fertilidade.

Para rematar, pode que ao mirarmos Santa vexamos unha muller labrega, unha deusa ou mesmo a representación de Galicia enxebre. Mais do que si teño a certeza é de que a escultura de Asorey non deixa indiferente a ninguén.

1 https://historia-arte.com/obras/la-santa-asorey

2 https://www.farodevigo.es/cultura/2019/11/04/santa-asorey-galicia/2197172.html

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar